O pasado mes de xuño tivo lugar en Santiago de Compostela o Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. O evento, organizado polo Consello da Cultura Galega, en colaboración co Consello de Europa, reuniu por primeira vez a representantes de todas as linguas minoritarias do Estado español protexidas pola Carta, isto é, amazige, árabe, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán/valenciano, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués nos diferentes territorios e cos diversos autoglotónimos que utiliza a comunidade de falantes de cada unha delas. Máis aló dunha finalidade académica ou estritamente técnica, o obxectivo prioritario foi establecer un diálogo que axudase a visibilizar e a interaccionar achegas diferentes, incluída a propia subxectividade das persoas que viven o seu día a día nunha lingua minoritaria. Ademais, ao tratarse dun evento aberto ao público, houbo tamén unha relevante participación de diversos colectivos e persoas implicadas na defensa dos dereitos lingüísticos.
O Foro detívose polo miúdo nos artigos 7 ao 13 da Carta, a partir dun enriquecedor diálogo crítico arredor do grao de cumprimento dos compromisos acadados polo Estado español coa ratificación da Carta en 2001. Durante os dous días de intenso intercambio de valoracións, perspectivas e análises identificáronse os trazos comúns á situación legal e social das linguas minoritarias así como as particularidades derivadas da propia idiosincrasia de cada idioma. Unha vez rematado o Foro, acordouse elaborar unhas conclusións colectivas co obxectivo de sometelas ás autoridades responsábeis da política lingüística en todos os territorios nos que se usan linguas minoritarias e asemade ao propio Consello de Europa. Ese documento é o que agora presentamos.
Desde a entrada en vigor da Carta en 2001, o Estado español pasou por catro ciclos de monitorización por parte do Comité de Expertos, que é o organismo competente para examinar a situación das linguas minoritarias a partir do informe presentado polo Estado á Secretaría Xeral do Consello de Europa. O Foro centrouse -fundamentalmente- nos avances, estancamentos, atrancos e retrocesos constatados durante o 4º ciclo de seguimento (2010-2013). Cómpre ter en conta que nestes intres está a piques de se iniciar o 5º ciclo (2014-2016), unha vez que o Estado acaba de remitir ao Consello de Europa o informe preceptivo preceptivo que dá inicio a un novo seguimento das obrigas estatais (https://rm.coe.int/spainpr5-es-docx/1680788433).
As detalladas conclusións están dispoñíbeis en catalán, éuscaro, galego e castelán. Ademais, no espazo en liña do Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200581), pódese acceder a toda a documentación audiovisual relacionada co Foro, incluídos os debates arredor de cada un dos artigos sobre os que se artellou a discusión.
Como síntese do que se pode atopar nas 21 páxinas que ocupan as conclusións, recollemos aquí parte das que denominamos “conclusións xerais”. Agardamos que este esforzo colectivo axude a promover políticas lingüísticas emancipadoras e, asemade, contribúa a robustecer a conciencia social arredor da situación das minorías lingüísticas no Estado español.
Conclusións xerais
- A Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (en diante, Carta), como tratado internacional sobre protección e promoción das linguas rexionais ou minoritarias, precisa unha maior divulgación social e, asemade, un maior recoñecemento institucional.
- Respecto das linguas non oficiais —amazige, árabe ceutí, aragonés, asturiano, caló, catalán (Aragón e Murcia), fala (Estremadura), galego (Asturias mais Castela e León), leonés e portugués (Estremadura) e éuscaro nas zonas de Navarra en que non é oficial:
- Constátase a necesidade extrema de protección e promoción a partir dunha política lingüística ben estruturada que inclúa o establecemento da oficialidade, condición indispensable para a súa supervivencia.
- Púxose de manifesto que, en situacións lingüísticas e sociais análogas, cidadáns do Estado español ven incumpridos os seus dereitos constitucionais en materia de lingua por pertenceren a comunidades autónomas diferentes.
- Sobre as linguas oficiais —aranés, catalán (Cataluña, Illas Baleares e País Valenciano), éuscaro (zona vascófona de Navarra e País Vasco) e galego (Galicia)— o Foro:
- Puxo de manifesto que as principais eivas detectadas no 4º Informe do Comité de Expertos (2010- 2013) aínda se manteñen e, nalgúns casos, empeoraron.
- Constatou que hai un desaxuste entre o comportamento do Goberno central e o das comunidades autónomas. Sinalouse, moi claramente, que os organismos dependentes da Administración central do Estado e do Goberno de España non asumen como causa propia a defensa e a promoción da diversidade lingüística ás que os obrigan os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta. Os avances, grandes ou pequenos, que se teñen producido débense ás actuacións dos gobernos autonómicos ou locais, de acordo ao seu ámbito competencial.
- Detectou que hai diferenzas notables entre comunidades autónomas no cumprimento dos compromisos respecto das linguas oficiais, especialmente graves nos artigos 8 (educación) e 11 (medios de comunicación). Igualmente, hai diferenzas notables entre falantes dunha mesma lingua en distintas comunidades autónomas.
- É mester establecer de xeito periódico un espazo de traballo para avanzar na creación dunha sociedade que acepte como feito enriquecedor a súa diversidade lingüística e para contribuír na consecución dos compromisos adquiridos polo Goberno central.
Fernando Ramallo
Coordinador del Foro (Universidade de Vigo)